martes, julio 03, 2007

DIA 3 DE XULLO, MARTES
CHUVIA E DROGHEDA
Así pintaba o día ás nove da mañá.
Esta é a igrexa de Seabury, centro do barrio e de onde parte o bus que nos leva á escola.
Hoxe foi o primeiro día regular de clases. Xa cada un asentado na súa aula comezaron a traballar nos seus niveis repectivos. A impresión que transmiten os alumnos e boa. Seica lles resulta accesible e ben. Todos teñen os libros de clases que lles deron o primeiro día, xunto coa carpeta co boli, planning de actividades, etc. Se cadra é lóxico o horario e as comidas que fan aquí. O packed lunch comido case sobre a marcha –con tempo para que o que queira visite o super- permitiunos coller o autobús que nos tiñan alugado para ir ata a cidade de Drogheda, a metade de camiño entre Dublín e Irlanda do norte -media hora de camiño- sen dividir o día en dúas metades polo xantar... Non está mal para a organización das casas só "manchar cociña" unha vez ao día... Aquí vale. Pero cambiemos de tema, mellor. A cidade esta de Drogheda -pronunciada con gheada- foi moi importante na idade media, dela conserva numerosas igrexas. Nunha delas está a principal atracción do lugar: a cabeza apergamiñada de San Oliver Plunket, un mártir católico que a perdeu porque os anglicanos eran moi seus. Por aquela época houbo unha importante batalla, a do río Boyne, que aínda é lembrada nos anais das guerras sucesorias inglesas e nas matanzas da época.
Drogheda desde a Martelo Tower Vista da cidade de Drogheda desde a Torre Ao chegarmos o lugar fomos a visitar o Museo de Millmount, nun lugar fortificado ao redor da “martello tower” local. Nota: as “martello tower” son un conxunto de torres defensivas construídas ao longo da costa oriental de Irlanda para defenderse da invasión de Napoleón... pero como a Napoleón nunca lle deu por vir por aquí, nunca tiveron uso preciso e serviron para que Joyce fixese o seu Ulyses nunha delas, para facer museiños locais e para que na guerra civil se matasen entre eles os irlandeses -1921-22. O lugar tiña unha vista impresionante sobre o río Boyne, co seu famoso –aquí- viaduto, importante por ser central na liña Dublín – Belfast, e construído a mediados dos 1800. Tivemos un guía hippie e cortado na visita á Torre pero que algo nos contou e logo un par de irlandesas metralletas no falar que nos ensinaron o museo anexo, de estandartes, etnografía irlandesa e onde nos chamaron a atención varias cousas. Unha aspiradora-fol sen electricidade e que parecía
de “Estrella Galicia”
e unhas barcas-cestas redondas de coiro e bimbios parecidas, perdoen vostedes, ás que se utilizaban no Eufrates sete mil anos antes de Cristo, que ben o lembro eu.
Na entrada da igrexa Visitamos logo a igrexa da cabeza de San Oliver Planket, e despois, para delicia dos rapaces, un centro comercial nun momento de chuvia e vento.
Ás seis, na casa para cear que mañá é outro día... se cadra para mollarse. O mércores tocan actividades deportivas... pero se chove moito levánnos a unha boleira, que seica tamén é deporte. Os rapaces están contentos e nós transmitimos inquedanzas ás amables mozas do Irish College of English e todo vai ben. (Se pulsan nos links subliñados, teñen máis información das cousas de que lles falamos)