domingo, julio 22, 2007

DIA 21... ISTO ACABOU OU "THAT'S ALL, FOLKS" Unha das grandes marabillas de viaxar é volver a casa. Ter casa onde volver. Pobres dos grandes millonarios itinerantes de hotel en hotel... Pois sen contratempo ningún encontrámonos á hora prevista na Escola de Arriba. As familias levaron aos rapaces ata alí, despedíronse amablemente, houbo algunha que outra lágrima entre as compañeiras de casas e de escola, e todo ben. ao Aeroporto de Dublín ás dez e pico. A xente non cabía. Todo cheo de grupos de alumnos -¡que gran negocio este da lingua para Irlanda!- e de profes dun sito para outro. Nós localizamos inmediatamente o mostrador e facturamos... Nos controis da policía e aduanas todo ben... Retiraron algunha botella de auga, escuma de afeitar, e ata unha lada de Guinness de regalo (por certo, nos super de Malahide e Dublín, 2 Euros a lata; no Haley da Pontevella, 1,70) e todo ben.
Inmediatamente fomos á porta A69 -que logo cambiaron por A64- e fixemos campamento, xunto cun colexio de Vigo guiado pola amiga e ourensá Ana Veleiras. Jaime, sacou a guitarra -era certo que a funda tiña guitarra dentro- e tocou. Campamento base, entre enquisas e guitarra.
Pasámoslle a enquisa de satisfacción, a que unida ás fotocopias da enquisa feita pola propia escola de alá e da que temos fotocopia, nos dará o nivel real do que din os nosos alumnos que pensan da experiencia. A ollo, por riba, as queixas céntranse no tempo -nada que facer pola nosa banda- e a actividade que máis lles gustou foi a fin de semana en Galway e a Illa de Inis Mor, a maior das de Arán. O nivel de satisfacción nas casas é moi alto. De 1 a 5, prácticamente todos están entre 4 e 5... Pero xa lles contarei en canto estean "computadas e analizadas".
A viaxe do avión foi un pouco complicada. Saímos cunha hora de retraso. Houbo pequenas turbulencias no camiño -nada do outro mundo- e á hora de aterrar pasamos un pequeno susto. O piloto decidiu abortar a aterraxe no medio das maniobras de aproximación ao aeroporto... puxo o morro para arriba e deulle gas. Explicou logo que había ventos racheados cambiantes e que no momento de baixar estaban rolando con forza, certamente non tiña voz demasiado tranquila, pero á segunda, baixou e aplaudimos contentos. Logo viñeron os reencontros e seis persoas marcharon directamente para a praia. Que sorte. Os demais, a Ourense, onde, segundo as miñas informacións, xa se viron de noite. Remato o relato cunha nota práctica.

Entrando en Ourense...
Onte dicíalles que aos de bacharelato xa lles dabamos os dous certificados, o de ter feito e o de ter pagado. Este último hannolo mandar por correo o luns e supoñemos que a finais desta semana que entra xa llos poderemos repartir. Como non son moitos, xa os avisamos por teléfono. Temos os da casa e os móbiles. Non hai problema.
Pola nosa banda, contentos e acabamos dicindo, como Raquel en Malhide que todo ben...

Ata outra.

O blogueiro despídese nun cristal da estación de Tara toucado cal vikingo irlandés

viernes, julio 20, 2007

DIA 2O, VENRES. CASTELO DE MALAHIDE CEILIN E... DILUVIO.
Pois isto acábase. Mañá á mañá marchamos para aí. Teñan preparadas as comidas que máis lles gustan. O que máis se oía estes días é... "Ai miña nai como cociña..." "E as croquetas da miña avoa..." "Xa teño menos ganas de independizarme..." Neste intercambio de experiencias, o que menos nos chama a atención son estas estrañas gastronomías... Váianse preparando pois para peticións de tortilla, pementos fritos, xoubas, peixes á plancha, polbo,... e outras cousas do verán noso... que se me fai a boca auga...
Pois marchamos e como non podía ser doutra maneira, diluviou hoxe, como despedida. Despois do día de onte, a verdade, é que a pesar das previsións meteorolóxicas, resistíamonos a perder a ilusión dun día de praia final. Pero é o que hai. Que os inconvenientes sexan meteorolóxicos, que aínda que fastidian o seu, son incontrolabes e inofensivos.
Fomos, cos novos, ata o castelo de Malahide. Case os tivemos que levar... Pero non podía ser o de facermos un curso en Malahide e non coñecer un castelo que veñen ver todos os estudantes de Dublín.
Mañá temos reunión, como lles dicía onte, ás 9,30 no mesmo lugar onde nos encontramos o primeiro día, ao lado dunha das dúas escolas que viñamos ocupando -Saint Oliver Planket- e de aí imos ao aeroporto. Facturamos equipaxe e, teoricamente, ás 12.30 saímos e chegamos ás 15,30. Por suposto confirmamos xa o bus que nos recollerá a esa hora en Santiago e iremos directamente a Ourense onde esperamos chegar sobre as seis da tarde, contando con media hora para saír do aeoporto e dúas para chegar... Máis ou menos. Iremos, claro, á marquesina do bus habitual sobre a rúa Otero Pedrayo, que é un pouco xa nosa.
Se algún de vostedes ten a sorte de estar na praia estes días e quere achegarse a Santiago a recoller o rapaz/rapaza correspondente, pois xa sabe que non hai problema máis alá da sana envexa que nos provoca.
Pola nosa banda, agora tócanos a nós facer informes, dosieres, contas, cubrir impresos, etc. e esperar a que alá a principios de outubro nos envien os cartos da axuda prometida á organización no seu conxunto. Os documentos particulares daqueles que obtiveron bolsas de bacharelato -facturas e diploma de aproveitamento- lévanos os rapaces e non se esquezan de presentalos en prazo (hai ata o dez de setembro). Para calquera consulta ou o que sexa, Afonso estará no Instituto polas mañás ata a fin de xullo. Nestes días, tratará de reunir fotos de varias cámaras para facer un DVD conxunto. Xa llo dixemos aos rapaces e estamos nesas.
Ben, e agora unhas fotos de despedida.
Preparando un concerto no parque do Castelo.
Mañá, desde Ourense, seguramente metemos as finais do baile típico con que nos despiden hoxe e as dos aeroportos. En calquera cousa, máis nada. Os rapaces foron sempre puntuais e non houbo queixas especiais de comportamento. Boa xente.

O staff do Irish College of English -Susane, Lorraine e Deidre, e nós ao fondo. Máis ou menos a primeira leva as actividades e as relacións externas, a segunda as familias e a terceira os temas económicos, de organización interna e informáticos. Máis ou menos.

DIA 19 XOVES. VISITA A DALKEY E PASEO POLO LUGAR. AO SOL.

Un tren case privado

Despois das clases marchamos a Dalkey no DART. Unha viaxe de preto dunha hora de duración. Como o tren saída de Malahide, fomos todos sentados, case en plan tren particular. Comemos abordo, uns xogarona ao axedrez, outros ás cartas, outros ás maquinitas e outros moitos de cháchara e a ollar polas ventaniñas.

Ao chegar fixemos a visita guiada do Castelo de Dalkey cunha guias de idade –cousa de agradecer; hai unha obra de teatro dun grupo de Vigo que se titula ¿Que fan coas dependentas aos corenta?- e uns actores que representaron de forma humorística a vida no Castelo, xogando sempre coa complicidade do público ao que interpelaban continuamente. Foi moi divertido e moi instrutivo. Unha hora con varias voces e varios temas.
Despois fomos dar un paseo ata o porto de Coliemore, paramos no parque ao por fronte da Illa de Dalkey e demos volta dun paseo fermosísimo. Simpática forma de chamarlle a unha "desviación". No miniporto de Colimore
Ás cinco e vinte pillamos o tren e en Malhide unha hora despois. Hai quen empeza a facer as maletas. Mañá imos, como despedida, ao Castelo de Malahide, e ao baile Irlandés que nos organizan. Se non hai novivade, chegaremos a Santiago, o sábado ás tres e media. Despois collemos un bus que nos está esperando e imos directos a Ourense. Mañá máis. Agora só fotos.

Ágata Gavilán Rodríguez, sen teléfono na man. María Piñon Vila

Daniel A. Pérez Rodríguez

Belén Vázquez-Monxardín Lorenzo

miércoles, julio 18, 2007

DIA 18. CLASES, OBRADOIRO DE TEATRO, AUGA E SOL.
Pois este mércores foi un día tranquilo. Pola mañá, clases normais e pola tarde un obradoiro de teatro moi simpático. O profesor dividiu aos alumnos en cinco grupos e cada un tiña que representar un esquech -ou como se escriba- creado por eles ao efecto. Estiveron de dúas a cinco preparando e rindo e varios deles tiñan como denominador común unha agre crítica ao sistema de comidas local e á vestimenta e actitudes das mozas locais. Outros eran máis disparatados, unha conversa de pavos o día antes do Nadal, unha furgoneta de tolos... etc. Botaron unhas risas -en inglés- e creo que o pasaron ben.
Á mañá, de cháchara comentabamos coas reponsables do Irish College of English o seguinte paradoxo: as nacións que mellor falan inglés –Holanda, países nórdicos, Alemaña, etc.- son os que menos estudantes envían e enviaron tradicionalmente a estes pagos. Pola contra, Italia e España –moito máis esta que aquela- envían milleiros e milleiros e teñen un déficit moi notable de inglés. ¿Por que? Varias son as razóns, creo. Por unha parte eles xa falan linguas xermánicas –sería como para nós estudar italiano sen ir alá-, e despois uns métodos, funcións e asentamento histórico na sociedade. Lembremos como hai unha xeración, o inglés era unha das “marias” no ensino, e ninguén, practicamente, o falaba. Despois está o sabermos todos unha das linguas máis estendidas do planeta, o castelán, o que nos fixo infravalorar a importancia da aprendizaxe do inglés e outras linguas. Debemos pois cambiar mentalidades, actitudes, e tamén programas escolares, métodos de ensino, claro. Estámolo facendo entre todos. Unha parabólica co seu decodificador enfocada a canais libres –BBC, Sky news, etc.- custa 200 euros. E as películas de DVD teñen a opción de linguas... Por non falar de Internet e as posibilidades de práctica de lectura, etc. No Instituto comezamos este curso que vén a impartición da materia de Música en 2º de Bacharelato en inglés e de Ética en 4º da ESO dentro do plan de aulas bilingües, isto é apoiándose progresivamente en inglés desde a lingua que lle toque como inicial –galego ou castelán. Se ten boa acollida, o ano que vén ampliaremos materias e cursos. Cremos que utilizar a lingua como ferramenta e non só como obxecto de estudo é máis fácil avanzar. ¿Serve de algo mandalos a Irlanda? Creo que si. Sobre todo en función do interese verdadeiro de cada un e do seu grao de responsabilidade. As clases pola mañá son útiles pero a insistencia no trato na casa e as visitas guiadas que organizamos con explicacións en inglés ou a atención aos audivisuais que nos proxectaron son tamén claves. E foron, entre uns e outros, máis dunha ducia. (Fábrica Guiness, Martello Tower en Drogheda, Museo de Drógheda, City Hall, Castelo de Dublín, National Gallery, Newgrange, Monasterboice, Aran, Museo de Galway, Glendalough, Igrexa das momias, Castelo de Dalky). O grao de aproveitamento, tamén, distinto. Ao lado da inmensa maioría moi interesada, hai outros nos que se ve máis o factor “pasalo ben”. Cremos que incluso para estes é útil pero que ninguén pense que unha viaxe a Irlalnda é un remedio de santo. Non hai nada que non saia do esforzo e compromiso persoal. Aprender a falar unha lingua despois da fase incial da nenez, implica, sen dúbida, un traballo e un esforzo. Quen o faga, coas ferramentas que lles poñemos nas mans, aprenderá. E serán a maioría.

martes, julio 17, 2007

DIA 17 MARTES, VISITA CULTURAL A DUBLIN... E CHUVIA.
Igrexa pub
O primeiro que fixemos hoxe foi, pormenorizar a nosa recta final aquí. Que quedou do seguinte xeito: hoxe Dublín; mañá, obradoiro de teatro; pasado, xoves, visita ao castelo de Dalkey –onde fomos familiarmente o domingo pasado, vexan na entrada dese día- e o venres, tarde máis ou menos libre. E por fin o sábado ás nove e media da mañá, as familias lévannos ao lugar onde nos repartiron e nun autobús imos todos xuntos ao aeroporto. Ás doce e media saímos e chegaremos sobre as tres e cuarto locais –unha hora e tres cuartos de viaxe, aproximadamente, máis os cambios horarios. Ben, pero imos con hoxe que xa haberá tempo de pensar en chegar. Hoxe pola tarde, logo de comer acollidos no Colexio por iso da chuvia insistente, fomos a Dublín nos dous grupos xa case tradicionais. Por unha parte “os novos” foron con Carme á National Gallery –unha das grandes pinacotecas de Europa- onde tiñamos concertada unha fenomenal visita guiada ás 4 da tarde. Antes de entraren, deron un paseo desde a estación de Pears ata o Museo. Os outros, os “vellos” foron con Afonso ao Museo de Artes Decorativas a ver dúas exposicións. Unha coa experiencia dun barco vikingo que está de camiño en Noruega, logo de ser construído artesanalmente en Dinamarca, e que vén a Dublín, con sesenta persoas a bordo, e onde chegará, presuntamente, a mediados-finais de agosto. Xa o verán pola tele que vai dar moito que falar. Alí vimos un audiovisual da construción do barco e dos ensaios de navegación. Tema curioso. Ao barco puxéronlle Havhingsten af Glendalough “o semental do mar de Glendalough” porque souberon pola madeira cando toparon os restos do barco que lles serviu de modelo, en Dinamarca hai cen anos, que fora construído con árbores dos bosques de Glendalough. A súa historia diaria de navegación transmítese na rede. Despois vistamos unha exposición con reproducións das cruces irlandesas, entre elas as que viramos o día anterior en Monasterboice. Moi curiosa. Logo, no Luas –tranvía urbano- volvemos ao centro e paramos nunha igrexa reconvertida en pub-restaurante hai menos de dous anos e que foi no seu día un cine tamén montado por J.Joyce. Despois, no medio do seguinte chaparrón, pillamos o tren para “casa” para vir nun DART petado de xente a cear a iso das seis da tarde, cando aínda quedan cinco horas de luz... cousas raras de por aquí.

O noso condutor, ben atento ao sinal para saír.

Un ano que chova menos, facemos o paseo de J.Joyce pola cidade...

Por certo, aquí lles vai o enlace ao artigo meu do martes no Galicia Hoxe sobre "O noso home de Aran"
Dublín está -como Viena- cheo de tendas de barrio de SPAR.
¿Quen lembra as libretas de puntos e os regalos?

Ana Gómez Outumuro

Pois si, ten razón Nuria cando prefire que poña esta foto.

María Martínez López diante da "súa" casa, moi preto da nosa.

MAIS FOTOS DA VIAXE COLGADAS POR CARLOS NOUTROS LUGARES QUE SI SE AMPLIAN SEN PROBLEMA. PULSADE http://englishpace.spaces.live.com ou http://www.holidayseire.blogspot.com Botadelle un ollo.

lunes, julio 16, 2007

DÍA 16 LUNS, DO MEGALÍTICO AO MUNDO MEDIEVAL Onte chegamos cedo e hoxe fomos, como lles diciamos onte que iriamos, ao xacemento megalítico de Newgrange. Quedamos ás nove e media e saímos ás dez. Aínda así, unha persoa non se presentou no lugar de saída, polo que debeu quedar na escola, so pena de non poder entrar todos os demais no xacemento onde hai que reservar con case un ano de antelación tal e como fixemos nós. O lugar é incrible. No medio do val do rio Boney, sitúanse uns túmulos do neolítico tardía impresionantes. O principal, Newgrange, de 80 metros de diámetro e unha delimitación de penedos traídos do mar –a 16 km- incrible. O resto formado con seixos –traídos de 80 km ao sur- e de terra amoreada sobre unha cámara poligonal composta cunha entrada de luz curiosísima coindicindo co solticio de verán. A nosa guía foi superamable, falaba un inglés delicioso e facíase entender cos ollos tamén. Excelente. A visita ao interior da tumba, un pouco, -pouco- claustrofóbica. Este é o templo principal da arte megalítica europea. Sen dúbida. A min lembrábanme moito os gravados vistos e estudados do megalítico galego -Oirós, sur de Ourense, Lugo, Axeitos, Dombate... pero o noso moito máis modesto.Despois visitamos o “Visitors Center” onde nos puxeron un audiovisual en inglés e despois en castelán para que practicáramos, pero resultou gracioso porque o castelán era case irrecoñecible. Eu creo que era xudeo-sefardí. O Visitors Center, excelente. Unha montaxe moi moderna, con reconstrucións de partes do xacemento, cabanas neolíticas, etc. todo feito co maior cientifismo do mundo. Comemos no bar do lugar o noso “packet lunch” e seguimos despois ata Monasterboice. Uns vinte minutos de camiño e chegada, no medio dun chaparrón –shower, igual que ducha, din aquí- e unha señora maior, todo amabilidade, dun grupo de xubiladas voluntarias, nos explica este lugar que é un dos lugares míticos do cristianismo na illa. Á súa torre decepada na actualidade, engádenselle as cruces de pedra máis famosas de Irlanda con escenas da Biblia. Todo o século X. A señora era a cara humana e agradable do entrañable voluntarismo, fronte á profesionalidade de Newgrange. Fíxonos unha visita preciosa explicándonos a historia do lugar e a iconografía das cruces. Depois, volvemos a Malahide, dispostos a empezar mañá a recta final das clases.

Todo aquel que teña a fortuna de parecer que ten menos de vinte e tres anos, deberá mostrar a súa documentación antes de entrar nestes predios. A documentación posible: permiso de condución, identificación da policía ou pasaporte.

(Xúrolles que non teño nin idea de por qué unhas imaxes perminten ser ampliadas e outras non. Se alguén o sabe, por favor, que mo diga. Graciñas). Daniel Sánchez Ramos, correcamiños co IES As Lagoas, máis de 7000 km nun mes. Laura Alvarez González Natalia Ibañez Suárez Edith Filgueira Rodriguez