martes, julio 17, 2007

DIA 17 MARTES, VISITA CULTURAL A DUBLIN... E CHUVIA.
Igrexa pub
O primeiro que fixemos hoxe foi, pormenorizar a nosa recta final aquí. Que quedou do seguinte xeito: hoxe Dublín; mañá, obradoiro de teatro; pasado, xoves, visita ao castelo de Dalkey –onde fomos familiarmente o domingo pasado, vexan na entrada dese día- e o venres, tarde máis ou menos libre. E por fin o sábado ás nove e media da mañá, as familias lévannos ao lugar onde nos repartiron e nun autobús imos todos xuntos ao aeroporto. Ás doce e media saímos e chegaremos sobre as tres e cuarto locais –unha hora e tres cuartos de viaxe, aproximadamente, máis os cambios horarios. Ben, pero imos con hoxe que xa haberá tempo de pensar en chegar. Hoxe pola tarde, logo de comer acollidos no Colexio por iso da chuvia insistente, fomos a Dublín nos dous grupos xa case tradicionais. Por unha parte “os novos” foron con Carme á National Gallery –unha das grandes pinacotecas de Europa- onde tiñamos concertada unha fenomenal visita guiada ás 4 da tarde. Antes de entraren, deron un paseo desde a estación de Pears ata o Museo. Os outros, os “vellos” foron con Afonso ao Museo de Artes Decorativas a ver dúas exposicións. Unha coa experiencia dun barco vikingo que está de camiño en Noruega, logo de ser construído artesanalmente en Dinamarca, e que vén a Dublín, con sesenta persoas a bordo, e onde chegará, presuntamente, a mediados-finais de agosto. Xa o verán pola tele que vai dar moito que falar. Alí vimos un audiovisual da construción do barco e dos ensaios de navegación. Tema curioso. Ao barco puxéronlle Havhingsten af Glendalough “o semental do mar de Glendalough” porque souberon pola madeira cando toparon os restos do barco que lles serviu de modelo, en Dinamarca hai cen anos, que fora construído con árbores dos bosques de Glendalough. A súa historia diaria de navegación transmítese na rede. Despois vistamos unha exposición con reproducións das cruces irlandesas, entre elas as que viramos o día anterior en Monasterboice. Moi curiosa. Logo, no Luas –tranvía urbano- volvemos ao centro e paramos nunha igrexa reconvertida en pub-restaurante hai menos de dous anos e que foi no seu día un cine tamén montado por J.Joyce. Despois, no medio do seguinte chaparrón, pillamos o tren para “casa” para vir nun DART petado de xente a cear a iso das seis da tarde, cando aínda quedan cinco horas de luz... cousas raras de por aquí.

O noso condutor, ben atento ao sinal para saír.

Un ano que chova menos, facemos o paseo de J.Joyce pola cidade...

Por certo, aquí lles vai o enlace ao artigo meu do martes no Galicia Hoxe sobre "O noso home de Aran"
Dublín está -como Viena- cheo de tendas de barrio de SPAR.
¿Quen lembra as libretas de puntos e os regalos?

Ana Gómez Outumuro

Pois si, ten razón Nuria cando prefire que poña esta foto.

María Martínez López diante da "súa" casa, moi preto da nosa.