viernes, julio 20, 2007

DIA 2O, VENRES. CASTELO DE MALAHIDE CEILIN E... DILUVIO.
Pois isto acábase. Mañá á mañá marchamos para aí. Teñan preparadas as comidas que máis lles gustan. O que máis se oía estes días é... "Ai miña nai como cociña..." "E as croquetas da miña avoa..." "Xa teño menos ganas de independizarme..." Neste intercambio de experiencias, o que menos nos chama a atención son estas estrañas gastronomías... Váianse preparando pois para peticións de tortilla, pementos fritos, xoubas, peixes á plancha, polbo,... e outras cousas do verán noso... que se me fai a boca auga...
Pois marchamos e como non podía ser doutra maneira, diluviou hoxe, como despedida. Despois do día de onte, a verdade, é que a pesar das previsións meteorolóxicas, resistíamonos a perder a ilusión dun día de praia final. Pero é o que hai. Que os inconvenientes sexan meteorolóxicos, que aínda que fastidian o seu, son incontrolabes e inofensivos.
Fomos, cos novos, ata o castelo de Malahide. Case os tivemos que levar... Pero non podía ser o de facermos un curso en Malahide e non coñecer un castelo que veñen ver todos os estudantes de Dublín.
Mañá temos reunión, como lles dicía onte, ás 9,30 no mesmo lugar onde nos encontramos o primeiro día, ao lado dunha das dúas escolas que viñamos ocupando -Saint Oliver Planket- e de aí imos ao aeroporto. Facturamos equipaxe e, teoricamente, ás 12.30 saímos e chegamos ás 15,30. Por suposto confirmamos xa o bus que nos recollerá a esa hora en Santiago e iremos directamente a Ourense onde esperamos chegar sobre as seis da tarde, contando con media hora para saír do aeoporto e dúas para chegar... Máis ou menos. Iremos, claro, á marquesina do bus habitual sobre a rúa Otero Pedrayo, que é un pouco xa nosa.
Se algún de vostedes ten a sorte de estar na praia estes días e quere achegarse a Santiago a recoller o rapaz/rapaza correspondente, pois xa sabe que non hai problema máis alá da sana envexa que nos provoca.
Pola nosa banda, agora tócanos a nós facer informes, dosieres, contas, cubrir impresos, etc. e esperar a que alá a principios de outubro nos envien os cartos da axuda prometida á organización no seu conxunto. Os documentos particulares daqueles que obtiveron bolsas de bacharelato -facturas e diploma de aproveitamento- lévanos os rapaces e non se esquezan de presentalos en prazo (hai ata o dez de setembro). Para calquera consulta ou o que sexa, Afonso estará no Instituto polas mañás ata a fin de xullo. Nestes días, tratará de reunir fotos de varias cámaras para facer un DVD conxunto. Xa llo dixemos aos rapaces e estamos nesas.
Ben, e agora unhas fotos de despedida.
Preparando un concerto no parque do Castelo.
Mañá, desde Ourense, seguramente metemos as finais do baile típico con que nos despiden hoxe e as dos aeroportos. En calquera cousa, máis nada. Os rapaces foron sempre puntuais e non houbo queixas especiais de comportamento. Boa xente.

O staff do Irish College of English -Susane, Lorraine e Deidre, e nós ao fondo. Máis ou menos a primeira leva as actividades e as relacións externas, a segunda as familias e a terceira os temas económicos, de organización interna e informáticos. Máis ou menos.