8 DOMINGO, DIA FAMILAR (SÓ CHOVEU DÚAS VECES)
Arco iris no centro de Malahide
Pois hoxe, conforme ao previsto, recomendamos ós rapaces quedaren nas casas coas familias para practicaren un pouco máis o seu inglés. Ás doce topamos a varios na estación camiño de Dublín. Ben. É así a cousa.
Nós, se cadra por non estar tan posuídos pola febre consumista, decidimos coller o tren e baixar de Dublín cara abaixo. Fomos a un lugar chamado Dalkey –a quince minutos do centro- onde visitamos unha torre medieval moi ben xestionada, cuns actores que explicaban moi graciosamente a vida medieval nela, un señor máis serio que introducía o conxunto da historia. Un lugar a meter na axenda para vir cos rapaces.
Depois demos un paseo polo lugar vendo as casas dos ricos –sobrancea a embaixada do reino de Marrocos- , os nenos do lugar bañándose no ultrapequerrechiño porto de Colimore. Ao fondo, na Illa de Dalkey, aínda se ve unha antiga igrexa prerrománica irlandasa – na tradición arquitectónica céltica, muros grosos de pedra, nada de arcos, etc.-, unha das 28 torres Martello e o resto dun forte. Entre esa illa e Dalkey existe o mellor porto natural dos arredores de Dublín –porque a entrada á baía de Dublín está atoada de area, cousa ben visible coa marea baixa, e foi usado noutros tempos como porto de exportación de ovellas e de importación de bens de uso.
O paseo foi fermosísimo. Choveu mentres comiamos e non molestou.
Chegamos a Malahide xunto cunha tromba de auga entre a que saiu un fermoso “arco iris”. Por certo que un home, cando me viu facéndolle fotos, pegou a falar comigo e díxome “No extremo do arco, onde pousa, hai escondido un pote con moedas de ouro”... e creo recordar que lin que hai algunha vella lenda galega que di o mesmo. Eu retruqueille, pois na nosa lingua “chámase o arco da vella” e díxome, pois en “irish” –que é como lle chaman aquí ao gaélico-, tamén.
Eu xa o sabía. Pero non deixa de ser cousa curiosa. Seguramente lazos que nos ligaron outrora. Por certo que nas aldeas de Castela, tamén lle chaman “el arco de la vieja e de las viejas”, para que ninguén pense de máis.
PD/ Dentro desta serie de fotos, como é o fámily day, non me resisto a meter a foto dos dous pequenos que nos acompañan, Carlitos, o fillo de Carmen e Estela, a filla de Afonso.
Nenos bañandose en Colimore
Faise noite en Malahide
1 Comments:
Saúdos desde un Vigo irlandés: só falta que chova, pero todo chegará. Amigo Monxardín: vostede é máis santo có Patrick.
Publicar un comentario
<< Home